Concello de Barbadás

RUTA DE SOBRADO-BENTRACES-LOIRO

RUTA DE SOBRADO-BENTRACES-LOIRO

Ruta lineal que combina historia e natureza, con igrexas románicas, paisaxes rurais e lendas curativas, ideal para os amantes do patrimonio cultural.

Ruta lineal de historia e natureza para coñecer algúns dos máis importantes elementos patrimoniais das tres localidades veciñas de Sobrado do Bispo, Bentraces e Loiro. Temos a opción de comezala na capela de San Xoán en Sobrado do Bispo ou no Conxunto de Canastros de Loiro. Neste agradable paseo, percorreremos os seus sorprendentes e singulares cascos históricos, gozando das súas iglesias románicas, prazas con encanto, rúas, pazos, cruceiros e unha fermosa paisaxe rural onde se alternan as carballeiras con campos de cultivo. A TER EN CONTA: • O percorrido é lineal e ofrece varias opcións: ida e volta polo mesmo itinerario, usar dous vehículos ou regresar polo Camiño de San Rosendo. • Non está sinalizado, recoméndase empregar mapa ou o track da guía. ELEMENTOS DE INTERESE: En Sobrado do Bispo destacan a Capela de San Xoán, a Igrexa románica de Santa María e o Pazo da Mitra, xunto coa arquitectura popular no barrio de A Eirexa. En Bentraces, o seu casco histórico sobresae coa Rúa dos Fornos, a Praza do Pomar e a Igrexa de San Bieito, ademais do Pazo de Bentraces, do século XV. Por outra banda, en Loiro atopamos a Igrexa románica de San Martiño (S. XII), o Museo Etnográfico, o Cruceiro de Loiro, a Rúa da Quinta e un interesante conxunto de canastros, que reflicten o rico patrimonio cultural e histórico destas localidades. ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS: O Tangaraño é un xigantesco bolo granítico que contén auga nunha das súas cavidades á que a lenda atribúe propiedades curativas para as enfermidades da pel. O Castro de Trelle, un importante poboado castrexo, ofrece amplo dominio visual dos vales do Miño e o Arnoia, con dous recintos en terrazas ovaladas. A Ermida de San Bieito de Cova do Lobo, cunha capela moderna e privilexiada situación, é famosa pola romaría do 11 de xullo, inspirada na lenda de San Bieito. No Castro e Monte de Louredo, entre bosques mixtos, atopamos restos neolíticos e impresionantes vistas sobre o Val do Miño, combinando historia e natureza.